Inicio Proxectos

Proxectos

O Concello dispón de moitas posibilidades para que os nosos escolares aprendan e progresen como cidadás formados e críticos, por iso é de suma importancia poñer en valor todo aquelo que teña que ver ca cidade e a súa evolución. Somos conscientes que hai infinidade de áreas que serían de moito interese para os docentes e para o alumnado pero debemos escoller para ofrecer actividades de calidade e ben organizadas, por iso enfocamos cara a cidade e a contorna como axente educador.

A base sobre a que sustentes todas as accións e actividades han ter tres compoñentes claves transversais:

  1. A perspectiva de xénero: O Concello dispón dun Plan Municipal de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres que recolle as liñas mestras do traballo que todos e todas podemos desenvolver no ámbito da perspectiva de xénero. O Concello conta con profesionais formados que están a disposición de quen os demande. A perspectiva de xénero debe polo tanto contemplarse en todas as accións que se realicen.
  2. Idioma: O idioma oficial do Concello de Pontevedra é o galego e así se recolle na ordenanza de normalización lingüística aprobada en Pleno, polo tanto debe darse cumprimento á mesma.
  3. Participación e cohesión social: a participación non debe quedar nun acto formal, e moito menos cando falamos da participación dos nenos e das nenas. Debemos deseñar instrumentos que faciliten unha real participación, tendo en conta que participar non quere dicir que se deba facer indiscutiblemente o que se propoña, senón que se trata de aprender a participar coñecendo que hai límites que impiden levar a cabo determinadas accións e que leva implícito unha boa dose de co-responsabilidade para levar a bo fin o proposto. A participación tamén debe recoller aos/as docentes, ás familias e ao resto da comunidade educativa. Saber o papel que cada quen debe xogar, responsabilizarnos das propostas e facelas dun xeito meditado e maduro favorece a cohesión social de todos os veciños e veciñas do Concello, e o alumnado é unha peza clave para desenvolver un bó lugar para vivir.

Liñas de Traballo

Tendo en conta que os tres compoñentes transversais formarán parte de todas as accións, estas agruparanse en tres campos:

  1. Cidade, contorna e medio urbán.
  2. Cultura e patrimonio.
  3. Ciencia, saúde e medio ambiente.

PROGRAMA TEMAS TRANSVERSAIS E LOCAIS

Seguindo o ronsel do proxecto “O teu cole na Historia” que se desenvolveu nos cursos anteriores dando a coñecer a historia de cada centro do concello de Pontevedra por medio de actividades de pintura mural, contacontos musicados, unha exposición itinerante e a publicación dun libro, o Concello de Pontevedra, da man de Polo Correo do Vento, propón a realización dun novo programa de accións educativas que demos en chamar “Temas transversais e locais”, dirixido a alumnado de educación infantil e 1º e 2º de educación primaria.

Cada centro participante escollerá un dos temas transversais propostos para traballar e así, posteriormente, Polo Correo do Vento realizará un contacontos musicado adaptándoo a realidade local do colexio, vencellada á súa historia ou á súa contorna.

Deste xeito, a actividade de contacontos e obradoiro de debuxo versarán sobre a temática escollida pero cun enfoque local. Por exemplo, para a educación ambiental poderíamos falar do río Gafos nos centros do barrio de Campolongo, ou da Ría de Pontevedra nos centros de Salcedo e Lourizán. Da mesma maneira, a educación para a Paz ou para a Igualdade podería conter a historia da política galega Daría González, por engadir outros exemplos.

Temas transversais a escoller:

EDUCACIÓN AMBIENTAL – A vida nos ríos: o Lérez , o Gafos, o Verdugo. – O mundo do mar: a ría de Pontevedra. – As nosas fragas e zonas verdes, urbanas e rurais. – Reciclaxe, Reutilización e Redución de residuos, as tres R na nosa contorna.

EDUCACIÓN PARA A PAZ – Daría González, mestra e política. – Alexandre Bóveda, economista e político.

EDUCACIÓN PARA O CONSUMO – A investigadora Pe e o pequeno comercio. – O ciclo da auga en Pontevedra. – Antonio Fraguas e os oficios.

EDUCACIÓN VIAL – O modelo de cidade de Pontevedra: prioridade peonil, cidade sen fumes nin ruídos.

EDUCACIÓN PARA A IGUALDADE – Ernestina Otero, mestra e pedagoga. – Inmaculada Paz Andrade, científica. – Pioneiras pontevedresas (Ciencia, Deporte…)

EDUCACIÓN PARA A SAÚDE – Pontevedra, concello saudable: promoción e medidas para unha vida sa.

EDUCACIÓN PARA A DIVERSIDADE CULTURAL – Panchito, unha versión do conto de Castelao. – A emigración pontevedresa. – O Entroido en Pontevedra e no mundo.